Friday 03 de May de 2024

O “XIV Encontro coa Arte” homenaxea a Luís Romero e Joan Rasset, falecidos recentemente e participantes en edicións anteriores


 

A sala de exposicións da Casa da Cultura acolle durante os meses de xuño e xullo a mostra coas 39 obras doadas no XIII Encontro coa Arte

18 de xuño de 2019.- Un total de 22 artistas, tanto galegos como doutros puntos de España, participaron esta fin de semana en Brión na decimocuarta edición dos Encontros coa Arte. Unha edición que, se ben estaba dedicado á memoria de Antón Fraguas como escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas, incluíu tamén unha homenaxe a dous pintores recentemente falecidos e participantes en edicións anteriores dos Encontros: Luís Romero e Joan Rasset.

Así o expresou o alcalde de Brión, José Luís García, durante a recepción oficial dos artistas cando dixo que “hoxe á familia dos Encontros lle faltan dous membros”: Joan Raset, que participou dous anos seguidos durante os “Encontros coa Arte: del Empordá a Galicia” celebrados conxuntamente co municipio leridán de Castell-Platja D´Aro; e Luís Romero “presente nestes encontros dende a primeira edición”. “Que das paredes da sala de exposicións colguen cadros de Luís Romero e que na nosa pinacoteca teñamos outros dous de Joan Raset fanme pensar que é certo iso de que o arte é eterno e a vida efímera”, concluíu García.

Por iso, o alcalde brionés instou aos 22 artistas presentes a “seguir facendo arte, seguídea compartindo connosco e seguide sacando a cultura das salas de exposicións para compartila cos veciños e veciñas de Brión, ben nas sesións de pintura ao natural, ben nos cursos ofrecidos ao alumnado do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión”. Pola súa banda, o técnico de Cultura brionés, Alberto Álvarez, aproveitou a inauguración da exposición para lembrar aos dous ausentes e tamén para homenaxear ao exconcelleiro Jesús Quintela “que con este acto pecha oficialmente a súa traxectoria á fronte do Departamento de Cultura e ao que temos que agradecer o apoio e impulso destes encontros, traballando coas súas propias mans para sacalos adiante”.

Exposición

A exposición do XIII Encontro coa Arte “Lembrando a María Victoria Moreno” recolle un total de 39 obras que poderán visitarse na sala municipal de exposicións de Brión durante os meses de xuño e xullo, en horario de mañá. Unha exposición que foi o acto central da decimocuarta edición dos Encontros coa Arte, caracterizado polas condicións climatolóxicas, que obrigaron a cambiar varios dos lugares escollidos para as sesións de pintura ao natural, que foron cambiados por outros máis recollidos como o paseo do Río Pego, a Carballeira de Santa Minia ou a contorna da Igrexa dos Ánxeles.
Nos encontros participaron un total de 22 artistas, entre pintores, fotógrafos, músicos e poetas: Alba Roqueta, Antón Sobral, Beatriz Ansede, Camilo Seira, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Frutos Casado de Lucas, Isabel Pintado, Javier del Valle, José A. Regidor, Laureano Vidal, Manuel Ayaso, Manuel Méndez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Rafael Arroyo, Ricardo de Arce, Siro, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro e Xosé Vizoso.

A novidade deste ano foron os obradoiros de acuarela no CEIP de Pedrouzos e no IES de Brión, no que José Antonio Regidor fixo unha demostración do emprego da acuarela sobre un lenzo e respondeu ás dúbidas amosadas polo alumnado.